Friday 17 de May de 2024

Rebaixa na taxa da auga potable e de sumidoiros


O Pleno de Ordes aprobou un desconto do 0,8%. Tamén prosperaron a modificación de créditos para a amortización de débeda, a obra do aparcadoiro do Valado e para o pagamento de facturas pendentes do antigo equipo xestor

O Pleno de Ordes aprobou por unanimidade a proposta da alcaldía na que se solicitaba a rebaixa dun 0,8% da taxa do servizo de auga potable e de sumidoiros, rebaixa derivada do descenso do IPC.

No eido económico tamén prosperou o expediente de modificación de crédito referente ao Plan de Aforro e Investimento da Deputación da Coruña. En total hai que falar de dúas partidas destinadas á amortización de débeda a un interese do 0% por un total de 217.913 €, así como doutros 140.092 € para a obra do aparcamento do tanatorio do Valado. Aos votos a favor do Goberno Local (7) súmanselles as abstencións de PSOE e UXO (6) e a negativa do BNG (3) baseada na prioridade que lle conceden a outro tipo de obras. Aprobouse tamén un recoñecemento do expediente extraxudicial de crédito de 109.250 €, contía coa que se aboarán facturas e pagos pendentes de obras e servizos contratados polo anterior equipo de Goberno. Un punto no que tanto UXO como o PSOE votaron a favor (6), mentres que o Goberno e o grupo dos nacionalistas optaron pola abstención (10).

As demais propostas formuladas dende a Alcaldía contaron co beneplácito de todos os membros da corporación. Estas incumben ao cambio do día de celebración das sesións plenarias, as cales pasarán a ser o último mércores de cada mes ás 20 horas (no caso de ser inhábil trasladarase ao anterior); e á modificación do regulamento do Consello Escolar Municipal, cuxos integrantes completaranse cun representante da Escola Municipal de Música e cun pai ou nai do IES Nº1 tras o peche das escolas unitarias de Montaos e de Merelle.

Transferencia AP-9
O BNG presentou unha moción na que se insta a retirar a desconformidade coa tramitación da ‘Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galiza’, e a axilizar a súa tramitación e aprobación nos termos consensuados no Parlamento de Galicia por parte dos grupos con representación nas Cortes Xerais. Á hora das votacións todos estiveron de acordo agás UXO, baseándose na falta de competencia neste tema por parte da administración local.

O debate sobre a modificación da ordenanza reguladora do IBI quedou rexeitado ao non aprobarse a súa urxencia, que só contou co apoio de BNG e PSOE (4). Alegando a necesidade de abordar o tema previamente en comisión UXO abstívose, mentres que o Goberno xustificou o seu voto en contra en aspectos relacionados cos datos e cifras erróneas reflectidas nas táboas achegadas na documentación do BNG.

Radio Ordes aproveitou esta sesión para a estrea do seu novo sistema de emisión en liña. A través de radioordes.com calquera persoa pode escoitar sen interrupcións tanto as sesións plenarias como calquera programa da súa grella. Deste xeito mellórase un servizo gratuíto que cada vez á máis utilizado de maneira dixital a través dos móbiles, tabletas e ordenadores. Aínda así a emisora continúa emitindo analoxicamente a través do 107.3 FM.